A Xunta licitará as obras para mellorar, conservar e embelecer o Camiño Inglés, entre o Tambre e Boisaca

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou as actuacións para mellorar, conservar e embelecer o Camiño Inglés, entre o polígono do Tambre e o cemiterio de Boisaca, que se licitarán en poucas semanas por un investimento de 2,2 millóns de euros.

A intervención centrarase no treito comprendido entre o polígono do Tambre e o cemiterio de Boisaca, pero tamén se adentrará máis na cidade, estendendo as melloras ata o cruce de Meixonfrío. Para isto, serán necesarios terreos a maiores, polo que, a finais do verán se someterá o proxecto a información pública a efectos expropiatorios.

Estas accións están deseñadas para facer compatible a experiencia positiva do peregrino coa actividade empresarial no polígono. A Xunta busca favorecer a mobilidade dos peregrinos e incrementar a súa seguridade, cunha mellor integración do Camiño no contorno das naves industriais. Para iso, seguiranse criterios homoxéneos que servirán como patrón para futuras intervencións noutros puntos, buscando reforzar identidade arredor do Camiño.

Estes traballos hoxe detallados están enmarcados no proxecto que a Xunta está a impulsar para mellorar as entradas dos Camiños en Compostela, cun orzamento de máis de 5 millóns de euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *