O Consorcio do Casco Vello e Turismo de Galicia formalizan a cesión dun edificio para a construcción dun albergue de peregrinos en Vigo

O Consorcio Casco Vello de Vigo e Turismo de Galicia formalizaron, mediante a firma dun convenio, a cesión do dereito de superficie do inmoble sito en Ribeira do Berbés 5 e Peñasco 9 para a súa reforma e posterior conversión en albergue de peregrinos.

Unha vez formalizada a cesión, Turismo de Galicia encargarase da rehabilitación e posterior mantemento do albergue que, segundo as estimacións iniciais, podería contar cunha capacidade de 90 prazas e unha inversión de preto dun millón de euros.

En canto ás características do inmoble obxecto da cesión, conta cunha superficie de parcela de 258 metros cadrados. En realidade, trátase de dúas edificacións, con senllos frontes, conectadas pola planta baixa e o primeiro andar, polo que no proxecto do albergue trataranse en conxunto.

O novo albergue de Vigo forma parte dos compromisos da Xunta a través do Plan director do Camiño de Santiago, que en 2018 concentra os seus investimentos no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa. Amais desta infraestrutura, lévase a cabo a sinalización, mellora e acondicionamento de ambos itinerarios, o que contribuirá á súa preservación e impulso e mellorará a experiencia dos peregrinos.

Fotografía: Atlántico Diario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *