Entregados os Premios do Camiño de Santiago 2016, impulsados pola Xunta de Galicia

Os Premios do Camiño de Santiago, impulsados pola Xunta de Galicia, constitúen un recoñecemento institucional e social ás iniciativas públicas e privadas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago, aquelas que impulsan novos servizos ou a innovación e mellora daqueles que se prestan aos peregrinos, así como as accións específicas de divulgación e promoción do Camiño de Santiago e da cultura xacobea.

Deste xeito, os principais obxectivos destes galardóns son avanzar na mellora de cada un dos itinerarios do Camiño de Santiago así como, no seu contorno ambiental, paisaxístico e arquitectónico e a súa protección xeral e posta en valor.

Así mesmo, buscan aumentar a sensibilidade cidadá coa relevancia dos valores do Camiño de Santiago e estimular o coñecemento do patrimonio xeral do Camiño fomentando a colaboración cidadá en coordinación coas administracións públicas

Galardoados

Na primeira categoría, destinada a distinguir as iniciativas dos concellos polos que discorren as diversas rutas do Camiño de Santiago, o primeiro premio recaeu no Concello de Mondoñedo e o segundo, no Concello de Oroso.

A segunda categoría, orientada a premiar as actuacións desenvolvidas polas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, recoñeceu o traballo da Asociación de Amigos del Camino de Santiago de Burgos –primeiro premio- e da Asociación Jacobea de Málaga.

Pola súa parte, na terceira categoría, que recoñece as iniciativas ou as actividades desenvolvidas polas pequenas e medianas empresas, o primeiro premio foi para Maseybuco e o segundo, para Zerozero Imagen y Comunicación.

Por último, a cuarta categoría premiou ao Centro de Estudios Galegos-Universidade de Kiel, na modalidade que distingue os traballos de investigación e estudo do Camiño de Santiago e da peregrinación ou cultura xacobea ou do patrimonio cultural ligado ao Camiño de Santiago, e ao IES Plurilingüe San Rosendo-Mondoñedo, na categoría que recoñece os traballos de carácter educativo relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo nos centros de ensinanza de educación primaria e secundaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *