Os peregrinos que realicen o Camiño desde A Coruña poderán obter a Compostela

Resposta do Cabido da Catedral de Santiago á petición para concederlles a Compostela aos peregrinos que veñan ao sepulcro do Apóstolo Santiago desde A Coruña:

Vista a petición de varias asociacións estranxeiras, confrarías, a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, así como o Concello da Coruña e varias institucións xacobeas, para que se lles conceda a Compostela aos peregrinos que parten da cidade herculina en peregrinación ao sepulcro do glorioso Apóstolo Santiago, acórdase, co Vº Bº do Sr. Arcebispo, que se lles poida expedir o devandito documento aos seguintes peregrinos:

1. Dada a tradición, historicamente documentada, da chegada de numerosos peregrinos a través do porto coruñés, concédeselles a posibilidade de obter a “Compostela” a aqueles que, facendo parte do Camiño nos seus países ou rexións de orixe, fagan a pé a distancia que separa o porto da Coruña da Catedral Compostelá.

2. Así mesmo, aos habitantes da cidade da Coruña e os seus arredores que, “devotionis causa”, visiten os espazos xacobeos da súa cidade, e fagan o resto da peregrinación a pé ata o sepulcro do Apóstolo Santiago.

3. No referente aos peregrinos ou camiñantes que non reúnan estas condicións, poderán recibir, con todo, o documento que acredita a súa visita á Catedral e mais ao sepulcro do Apóstolo Santiago.

Fonte: Cabido da Catedral de Santiago de Compostela

Imaxe: Santiago o Maior. Igrexa de Santiago da Coruña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *