A Vía da Prata. Aires do Sur intérnase nas rutas xacobeas a través da mirada fotográfica, propoñendo un percorrido desde Sevilla a Santiago de Compostela, a través de 150 anos de historia da fotografía. A exposición convídanos a reflexionar sobre a soidade, a distancia e o paso do tempo a través dun diálogo entre a fotografía do pasado e miradas máis contemporáneas.
As paisaxes, a vida nas prazas das vilas, os monumentos ou as escenas cotiás que conforman o itinerario da Vía da Prata volven ser motivo de inspiración baixo unha nova ollada nesta coidada selección de imaxes comisariada pola historiadora, guionista e documentalista Lucía Laín. Logo de ser visitada por máis de 20.000 persoas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en Cáceres e en Ourense, a mostra recala agora na Casa de Galicia en Madrid, onde pode verse entre abril e maio de 2025.
A Vía da Prata esténdese ao longo de máis de mil quilómetros, desde Sevilla a Santiago de Compostela, atravesando terras de Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia. Nesta exposición, percórrense nun carrusel fotográfico que vai de finais do século XIX ata os nosos días. Un total de 75 instantáneas de grandes mestres da arte fotográfica e figuras emerxentes que espertan a memoria, reivindican festas e tradicións e descobren a realidade menos coñecida de pequenas localidades que atravesa o Camiño.
Obras de grandes clásicos como Jean Laurent —pioneiro da fotografía que no s.XIX documentou a transformación de España e de Madrid— J. Poujade, José Suárez, Otto Wunderlich ou Nicolás Muller sucédense nun interesante diálogo coa mirada actual de fotógrafos e fotógrafas do noso presente conformando un único relato. A través das súas lentes podemos profundar na realidade de pequenas localidades, algunhas aínda descoñecidas e outras cada vez máis transitadas, e captar as miradas e costumes das súas xentes. Os premios nacionais de fotografía Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto, e nomes como os de Carmenchu Alemán, Ana Turbau, Atín Aya, José Manuel Navia, Luis Vioque, Brais Lorenzo, Antón Buciños, Miguel Muñiz ou Vicente Tofiño, entre outros, son tan só uns exemplos.
Un diálogo visual entre a fotografía histórica e a contemporánea para movernos á reflexión sobre o tránsito, sobre canto cambia e canto permanece ao longo do tempo.
Data: 2 de abril – 25 de maio de 2025
Lugar: Casa de Galicia en Madrid
Enderezo: C. de Casado del Alisal, 8, Madrid
Organiza: Xunta de Galicia, Fundación Cidade da Cultura e Casa de Galicia en Madrid
Máis información: Fundación Cidade da Cultura de Galicia


