Exposición “Os Camiños de Kan-non e Santiago. Espiritualidade e Cultura” 🗓

Exposición fotográfica realizada con motivo do acordo de amizade asinado entre o Camiño de Kan-non e o Camiño de Santiago.

O Camiño de Santiago e a ruta Kumano kodo están irmandados desde 1998. Ambos son itinerarios de peregrinación declarados pola UNESCO Patrimonio da Humanidade. En 2023 cúmprense vinte e cinco anos deste irmandamento. O desenvolvemento da “peregrinación dual” logra que os peregrinos de Kumano e Santiago que cubran cada itinerario poidan obter unha acreditación dual, como peregrinos de Santiago e Kumano. Agora únese a esta harmonización de camiños de peregrinación o camiño Kan-non, considerado o itinerario de peregrinación máis antigo do País do Sol Nacente e designado Patrimonio de Xapón en 2019.

O Saigoku kan-non é orixinario do século VIII, contando con mil quilómetros de percorrido e unha espiritualidade baseada na natureza. Os peregrinos de Kan-non visitan trinta e tres templos budistas situados na rexión de Kansai, a rexión central de Honshu, illa principal do arquipélago xaponés, e atravesa sete prefecturas: Wakayama, Osaka, Nara, Kyoto, Shiga, Hyōgo e Gifu.

Ademais dos trinta e tres templos oficiais, existen nesta ruta outros tres templos coñecidos como bangai. A característica principal dos devanditos templos é que en todos eles a imaxe principal é Kan-non, coñecida polos occidentais como o Bodhisattva da Compaixón.

Hai que destacar a coincidencia dalgúns trazados desta ruta co Kumano kodo, de modo que algúns templos pertencen ao Saigoku kan-non e ao Kumano kodo.

Os peregrinos obteñen o seu Nokyocho, documento que acredita a súa peregrinación polo Saigoku kannon, tras o selado da súa credencial de peregrino nos trinta e tres templos da ruta. A diferenza da peregrinación a Compostela, realizada a pé, dacabalo ou en bicicleta, os peregrinos do Kan-non poden usar diversos medios de transporte e pódeno realizar en diversas etapas ao longo da súa vida.

Lugar: Hospedería de San Martiño Pinario. Santiago de Compostela

Data: do 6 de outubro ao 5 de novembro de 2023

Organiza: Turismo de Galicia. Xunta de Galicia

Colabora: Japan Foundation e Japan Heritage-Saikoku

from to
Scheduled Eventos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *