Exposición “Xacobeo. As pegadas do Camiño”

A Biblioteca Nacional Española inaugurou a exposición Xacobeo. As pegadas do Camiño, a nova mostra coorganizada coa Xunta de Galicia e Acción Cultural Española que repasa as testemuñas e pegadas que o Camiño de Santiago deixou nos últimos séculos na historia, na cultura, na arte, na literatura ou nas paisaxes a través dunha selección de máis de 200 pezas únicas procedentes de fondos de distintas institucións e coleccións particulares. Esta mostra enmárcase na programación cultural do Goberno autonómico polo Xacobeo 21-22.

Baixo o título Xacobeo. As Pegadas do Camiño, a exposición engloba diferentes liñas temáticas e toma como eixo os distintos significados que ten a palabra “pegada”. Expóñense un total de 211 pezas orixinas, das que máis de 100 pertencen aos fondos e coleccións da Biblioteca Nacional Española, pero tamén se conta con pezas procedentes doutras institucións e de importantes coleccións particulares. Poden verse desde valiosas pinturas ata a unha extensa colección de manuscritos e estampas, así como obxectos relixiosos, revistas, pezas musicais ou cinematográficas.

Entre outras, destacan as Partidas de Afonso X ou unha Biblia sacra do S.XIII, ambas dos fondos da BNE; a reprodución de instrumentos musicais do Pórtico da Gloria, da Fundación Barrié de la Maza, así como un cadro do Apóstolo Santiago pintado por Bartolomé Esteban Murillo. A mostra inclúe, ademais, achegas contemporáneas como fotografías do Camiño de Santiago do galego Xurxo Lobato ou unha maqueta da Catedral de Santiago do Instituto de Estudos Galegos, entre outras.

A exposición está comisariada polo académico Darío Villanueva, expresidente da Real Academia Española (RAE), catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada, da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, onde foi reitor. Ao labor do comisariado únese un equipo curatorial formado por Carmen Manso, historiadora da Arte e responsable da sección de Cartografía e Artes Gráficas da Real Academia da Historia; Juan Manuel Monterroso, profesor titular de Historia da Arte na USC; Paolo Caucci, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e profesor da Università di Studio di Perugia, e Xosé Luis Barreiro, escritor e politólogo, expertos que desenvolveron cada unha das seccións expositivas.

Espazo: Sala de Recoletos da Biblioteca Nacional. Madrid

Data: Do 10 de novembro de 2021 ao 6 de febreiro de 2022

Organizan: Biblioteca Nacional de España e Xunta de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *