Galicia organizará o vindeiro ano a XXVII edición da exposición ‘Las Edades del Hombre’ xunto a Castela e León

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou un convenio co titular da Junta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, para colaborar na celebración da XXVII edición da exposición Las Edades del Hombre que no 2024 terá unha dobre sede: en Santiago de Compostela e en Vilafranca do Bierzo.

A sinatura do convenio levouse a cabo no santuario de Santa María a Real do Cebreiro, lugar de orixe do sacerdote Elías Valiña que, desde os anos 60, foi un dos principais promotores da recuperación do Camiño Francés, impulsor da colocación das frechas amarelas no percorrido ou de mellorar as condicións nas que os peregrinos realizan a senda.

Las Edades del Hombre

Trátase un proxecto cultural e expositivo promovido por Castela e León desde 1988 e que busca poñer en valor o patrimonio cultural tanto como reforzo social como xerador de riqueza. Ata o momento, celebráronse 26 edicións que contaron con máis de 12 millóns de visitantes e nas que se expuxeron 5.228 pezas de arte e se restauraron outras 2.000.

En cada edición, a exposición conta cun relato común e inclúe labores de investigación, difusión, restauración de pezas así coma unha montaxe que sempre ten a innovación como eixo principal e na que teñen moita importancia elementos multimedia (recreacións en 3D, proxeccións audiovisuais, pantallas interactivas…) ou a música.

Pese a que a maioría de edicións tiveron lugar en Castela e León, tamén se levaron a cabo en Madrid, Cádiz, Bélxica ou Nova York.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *