Exposición: Via Iacobitana. Os Caminhos de Santiago na Galiza (Trancoso)

A exposición Vía Iacobitana é unha nova expresión da creatividade contemporánea vinculada á cultura xacobea. Varios fotógrafos galegos que se transforman en eventuais peregrinos percorren os camiños de Santiago en Galicia, mostrando coa súa particular visión as sensacións persoais que lles suxire a ruta elixida. Á visión da paisaxe circundante e próxima, cambiante segundo a época do ano, variable segundo o tempo atmosférico e as variacións da luz, súmase a vivencia da propia peregrinación e o legado cultural que atesoura, coa presenza de cada un dos camiños, do seu rico patrimonio histórico e dos peregrinos que cada ano percorren a Vía Iacobitana que lles conduce a Santiago de Galicia.

Cada un destes artistas recolle nas súas imaxes todo un mundo que pasa e permanece, uns camiños vivos e moi vividos, plenos de evocaciones e propostas. Rutas de peregrinación a Compostela ao alcance de todo aquel que se fai peregrino, e desexa sentir en carne propia unha experiencia milenaria que o vincula a unha xeografía sacra única, a un itinerario universal e aberto, berce da cultura occidental e expresión refinada dunha civilización en marcha.

Coas imaxes propostas por Vía Iacobitana evidénciase unha vez máis a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido xeneroso e aberto da peregrinación xacobea, o seu inesgotable e imantador poder de sedución. A sensibilidade artística e a profesionalidade dos fotógrafos que participan na mostra, cativados polos potenciais e valores dunha experiencia única, forxan un novo legado iconográfico que transcende o instante efémero no que se realiza cada fotografía, para formar parte dun conxunto perdurable, o legado xacobeo, un tesouro en permanente estado de recreación e renovación.

Espazo: Centro Cultural
Dirección: Campo da Feira. Trancoso. Portugal

Datas: do 2 ao 30 de xuño de 2018
Horario: de luns a venres de 09:00 a 12:30 e de 13:30 a 17:30 h. Sábados e domingos: de 14:00 a 18:00 h.

Organiza: S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Turismo de Galicia. Xunta de Galicia
Colaboran: Museu Portugal Romano em Sicó e Cámara Municipal de Condeixa a Nova

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *