Simposio Internacional de Hospitalidade e Xestión Ambiental no Camiño de Santiago

Os días 5 e 6 de maio de 2017 terá lugar en Santiago de Compostela o SIMPOSIO INTERNACIONAL DE HOSPITALIDADE E XESTIÓN AMBIENTAL NO CAMIÑO DE SANTIAGO, dous temas que en principio poden parecer un contrasentido pero que se complementan.

O proxecto europeo LifeStars +20, en cuxo desenvolvemento colaborou a Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago (FEAACS), está a piques de finalizar e, como ocorre sempre nestas ocasións, é a oportunidade para facer balance do investido, do conseguido, do que se pode planificar para o futuro.

O devandito proxecto tivo o seu “campo de actuación” no Camiño de Santiago, en concreto en cinco albergues do Camiño Francés: Arrés por Aragón, Zabaldika por Navarra, Nájera pola Rioxa, Ponferrada por Castela e León e Samos por Galicia, albergues todos eles coidados por hospitaleiros voluntarios, os hospitaleiros xestionados pola Federación.

No simposio quíxose encadear tamén os temas sobre o medio ambiente, primordiais para a conservación do noso planeta, coa hospitalidade, que sempre se practicou no Camiño de Santiago. Así, haberá relatorios directamente relacionados co primeiro dos asuntos citados, facendo fincapé no aforro enerxético, e outros que versarán sobre a hospitalidade, pero tamén co papel que cada un de nós está disposto a asumir no futuro tras escoitar as voces autorizadas de Joaquín Araujo, Mª José Parello ou Antonio Quesada.

Lugar: Hostal dos Reis Católicos. Santiago de Compostela

Datas: 5 e 6 de maio de 2017

Organiza: Federación Española de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago

+info

Fonte: FEAAC

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *