Miguelanxo Prado (Galicia) / Rita Sabler (Portland- EEUU)
O Camiño de Inverno é a entrada natural a Galicia desde a meseta, un acceso xa usado polos romanos. Xurdiu como alternativa en época invernal á dura subida aos cumes nevados do Cebreiro -Camiño Francés- e tamén para evitar os desbordamentos frecuentes dos ríos do val do Valcarce.
No proxecto Camiñamos para parar, durante 9 días de setembro, os artistas Miguelanxo Prado (Galicia) e Rita Sabler (Portland, EEUU) percorreron o Camiño de Inverno, dende O Barco de Valdeorras ata Santiago de Compostela. Armados coas súas acuarelas e papel, reflectiron nunhas ilustracións, en forma de postais, todo aquilo que lles chamou a atención durante a súa peregrinación, desde igrexas e edificios singulares ata pequenos detalles da paisaxe e da xente.
Todo este traballo móstrase agora nunha exposición, que poderá visitarse durante o mes de novembro no Museo das Peregrinacións e de Santiago, e que recolle todas as postais realizadas polos dous ilustradores ao longo do Camiño de Inverno.
A exposición ten como finalidade a promoción do Camiño de Santiago a través da ollada destes dous artistas, e conta coa colaboración da Adega Rectoral de Amandi.
Lugar: Museo das Peregrinacións e de Santiago. Santiago de Compostela
Data: Do 4 de novembro de 2022 ao 29 de xaneiro de 2023
Organiza: Turismo de Galicia
Patrocina: Rectoral de Amandi